Wednesday 01 de May de 2024

Lousame abre as inscricións nas clases de ximnasia de mantemento para adultos para o curso 2020-21


O Concello de Lousame mantén as actividades para adultos pero non ofertará este ano as escolas deportivas xa que o protocolo contra a Covid impide que seguisen tendo lugar no propio colexio

A Concellería de Deportes do Concello de Lousame abre o prazo de inscrición nas clases de ximnasia de mantemento para o curso 2020-2021, que darán comezo o vindeiro 5 de outubro. As anotacións poden formalizarse na Oficina Municipal de Deportes ou chamando ao 981 825 780.
As clases impartiranse de luns a xoves, en horario de 19:00 a 20:00 horas, no polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra seguindo estritamente as indicacións do protocolo Covid-19 para este tipo de actividades: desinfectar mans e calzado, manter unha distancia mínima de seguridade de dous metros, traer a esteira da súa casa… De feito, unha ducia de veciños e veciñas de Lousame xa participaron durante este verán nesta actividade, que se desenvolveu con total normalidade e sen incidencia ningunha.
Porén, o Concello de Lousame decidiu non convocar este ano as escolas deportivas municipais, debido a que estas se viñan impartindo no CPI Cernadas de Castro durante o horario do comedor. Unha circunstancia que agora, pola aplicación do protocolo Covid para os centros de ensino, non é posible levar a cabo nas instalacións escolares e porque suporía tamén mesturar nenos e nenas de distintas idades, cando nas clases o que se busca é precisamente o contrario.